Todo comezou cunha chamada. Eu estaba no estudo, cando oín dende o final do corredor, como meu irmán atendía as explicacións.
*Quen era? Que quería? -Pregunteille.
-Queren que fagamos a música dun spot promocional para Camariñas.
*Wow! En serio!? Criminal!
-Seica imos ser parte dxs protagonistas do vídeo.
*Nós? Que va! -Sorrín.
Diego foi o coordinador do proxecto. Como un artesán, foi unindo as ideas que tiña na cabeza. Peza a peza, foi construíndo aquel fermoso crebacabezas.
O vídeo trataría de visibilizar todas as cousas boas que tiña Camariñas. Eu pensaba que era imposible, non podían coller todas nun só vídeo! Só se viviches, se coñeces a un camariñán ou a unha camariñá, entenderás todas as cousas marabillosas que se esconden nese pequeno recuncho da Costa da Morte.
Unhas das pezas dese crebacabezas era a música. Aquí é onde aportaríamos a nosa parte. Diego, ademais dun gran profesional da fotografía é músico. Digo que é músico, porque un nunca deixa de selo. Tiña a idea na cabeza, afinou a súa guitarra e mandounos por unha nota de Whatsapp, un perfecto esquema de como quería que fose a canción.
Esa mesma noite collín a miña guitarra e comezamos a darlle cor a aquel debuxo. Primeiro foi a estrutura do tema (non é fácil compoñer para publicidade porque tes que seguir o ritmo do vídeo). Unha vez que tiñamos a estrutura veu a harmonía, as melodías, a instrumentación etc. Arranxamos con instrumentos virtuais para facernos unha idea de como podería soar todo. Tamén para que xs músicxs que ían gravar con nós, souberan o que tiñan que tocar.
Acordeón, frauta, gaita, voces, violín, bombo, shakers, pandeiretas, pandeiros, toms, pratos, piano, baixo e guitarra foron cosendo melodías e acordes para formar aquela obra. Gravamos no noso estudo, no local de Ismael (frautas, gaitas, voces e algunha percusión) e en Lermo (Santiago de Compostela), onde Alberto e Cibrán nos abriron as portas da súa casa. Alí, gravamos os fermosos violíns de Cibrán, para min, das cousas máis bonitas que tiña este tema. Tamén gravamos, algunhas percusións miúdas e algúns detalles máis. Aquí aparece Alberto, o produtor desta obra. El foi encargado de pulir todo, colocar cada cousa no seu sitio xusto e facer que todo soara incrible. Tamén foi o encargado de mesturar e masterizar o tema. Este foi o proceso de elaboración da música de “ Eu son Camariñas”. Aínda que o escribira en poucas liñas, ten moito traballo de fondo, implicación e, sobre todo, cariño.
Pero a miña historia non remata aquí. Agora quedábanos protagonizar o vídeo! Foron varios días de rodaxe e quebraduras de cabeza para poder xuntar os horarios dxs músicxs.
O primeiro día de rodaxe foi no noso estudo, na Coruña. Alí estabamos : Diego, Raúl, Belem, David, Jose María, Fran e eu. Mentres Diego sacaba fotos, Raúl gravaba planos, nos que nos interpretabamos (con perdón dxs milleiros de licenciadxs en Arte Dramática).
Un par de semanas despois volvemos reencontrarnos de novo. Desta volta, na casa, na Costa da Morte. Pola mañá gravamos os planos de Belem en Arou. Os de Jose María, na súa terra, Ponte do Porto. Xa de tarde, fomos a Xaviña para gravar o gaiteiro da ponte de Wsetminster (Londres). Sorprendidxs? Pois si! David toca a gaita alí dende fai anos.
Despois, fomos gravar a Fran á duna de Monte Branco. É un sitio espectacular do que presumo sempre que podo. Sabiades que, cos seus 150 metros de altura, é unha das dunas máis altas de Europa? E nós témola en Camariñas…
E chegou o meu momento!
Gravei en dúas localizacións: no paseo marítimo e no Faro Vilán.
*Vou a gravar a miña parte no Faro Vilán? – Pregunteille a Diego e a Raúl.
Vaia, non podía estar máis contento! Para un camariñán coma min…era todo un soño. Pois alí me plantei coa miña guitarra a gravar no alto do faro vello. Cara a cara con aquel xigante sobre o mar, que a tanta xente mariñeira guiou durante centos de anos. Gravamos un par de tomas en grupo, cun atardecer digno dunha película, pero, unha vez máis, a realidade supera a ficción.
Para min, isto foi un soño cumprido. A miña formación musical comezou na escola municipal de Camariñas, da man do meu mestre de gaita, Suso Moreira ( O Becho).
Con nove anos comecei a ir a clase de gaita, na Casa da Pedra. Era medio traste, non repasaba moito, non tocaba o que tiña que tocar…pero o meu amor pola música comezou alí. Foi bonito, volver 22 anos despois, o lugar no que todo comezara, para presentar a música dun spot promocional sobre Camariñas, onde saía a miña xente: a xente da Danza de Arcos, do encaixe, mariñeira, traballadora e xenerosa…porque así somos nós.
Hai días nos que me pregunto se vale a pena seguir pelexando por este soño. A música é unha caixa de sorpresas, que me regala momentos únicos coma este.
Non podería vivir a miña vida sen ela…e menos sen Camariñas. Porque eu son Camariñas e sempre serei Camariñas.
Non quería rematar sen antes agradecer a implicación neste proxecto de Diego Alonso, do Concello de Camariñas, dxs músicxs que participaron nesta aventura: Cibrán, Ismael, Alberto, Iria, Tania, Fran. Grazas tamén a Raúl e a Carlos polo seu bo facer. Por último quixera estender o meu agradecemento xs compañeirxs de rodaxe, Belem Tajes (voz), David Carril (Gaita), Jose María (Baixo) e a meu irmán, Fran Barcia.
Carlos Barcia Trashorras.