‘Eu son Camariñas’ é un proxecto municipal creado para dar visibilidade a diversos camariñáns que destacan no seu ámbito profesional, académico, deportivo, artístico ou social. A nova proposta consiste en publicar mensualmente na páxina web www.eusoncamarinas.es un vídeo cunha entrevista a un destes camariñáns senlleiros.
Nesta ocasión as protagonistas son a doutora Alicia Ogando; a coidadora de persoas con diversidade funcional, María Oanes; e a enfermeira na UCI COVID do CHUAC, Laura Rodríguez. Tres sanitarias, de tres campos distintos, que nos veñen a contar a súa experiencia ao longo destes últimos meses convulsos e que nos dan a súa visión dende dentro desta situación de pandemia. Tamén nos falan do Club Balonmán Encaixe Camariñas no que militaron as tres e no que chegaron a formar parte da mesma alienación no seu momento.
Alicia Ogando estudou o grao en medicina na USC e continuou formándose para ser pediatra. A día de hoxe está a cursar o MIR que a levou a traballar no CHUAC tratando a nenos, e nos últimos meses, debido a situación de pandemia, tratando a enfermos da COVID. A súa visión móstranos como son esa toma de decisións coa responsabilidade de ter a vida dos pacientes nas túas mans e a presión que isto supón no día a día.
María Oanes estudou técnico en atención a persoas en situación de dependencia no CIFP Anxel Casal na Coruña e leva anos a traballar con persoas con capacidades especias. A súa experiencia narra como foron eses momentos de encerro no que os pacientes non podían ver aos seus familiares nin case saír do complexo no que viven, mostrando un exemplo de resiliencia para todos nos.
Laura Rodríguez estudou o grao en enfermería na USC e exerce a profesión dende hai anos no complexo hospitalario da Coruña e, durante esta pandemia, estivo nunha das UCIs especiais designadas para a COVID. A súa experiencia narra o trato directo cos pacientes, a evolución do día a día e a superación dos numerosos momentos críticos que tivo que vivir nestes meses tan complexos.
Eu Son Camariñas, o proxecto
Un dos propósitos orixinais do proxecto consistía en dar visibilidade aos camariñáns que lograron notoriedade ao longo da historia, tanto dende a nosa vila como dende a diáspora. Ademais pretendíase crear un escaparate dende o cal se reflexe o traballo desa xuventude estudosa, traballadora e emprendedora do Concello de Camariñas. Crear unha ventá que amose ao mundo todas as virtudes desas artesás, deportistas, escritores, mariños, empresarios… pequenas historias das nosas xentes que deu e seguirá dando este concello cheo de talento.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, explicou que “a nova etapa deste proxecto tamén pretende inculcar un chisco de esperanza a todos os nosos veciños e a toda esta xeración que está a formarse dentro das escolas de todo o concello”.