O Concello de Camariñas publicou a terceira entrega do programa ‘Eu Son Camariñas’ que lle dá voz a Luna Suárez Marcote, unha arquitecta de Camelle que sorprendeu co seu traballo de fin de grao sobre o Alemán de Camelle, Manfred Gnädinger, na Universidade da Coruña.
‘Eu son Camariñas’ é un proxecto municipal creado para dar visibilidade a diversos camariñáns que destacan no seu ámbito profesional, académico, deportivo, artístico ou social. A nova proposta consiste en publicar mensualmente na páxina web www.eusoncamarinas.es un vídeo cunha entrevista a un destes camariñáns senlleiros.
Nesta ocasión a protagonista é Luna Suárez Marcote, que estudou arquitectura na UDC e exerce a profesión nun estudio da Coruña dende hai catro anos. Creceu ao carón do artista alemán de Camelle e iso levouna a realizar o seu traballo de fin de grao sobre a súa figura e a súa arte. Nel tócanse todos os puntos da vida e arte de Manfred, algúns deles completamente descoñecidos como pode ser a fotografía ou o paradoiro dos cartos que cobraba aos visitantes por visitar o seu museo.