Se con Belem Tajes coñecíamos o bravo mar de Arou e, a continuación, con JM Fernández descubríamos na Ponte do Porto o paso do Río Porto no maravilloso lugar de O Posiño será co xaviñán David Carril cando contemplemos a unión dese mar e dese río na paradisíaca praia de O Ariño. E é que despois do triste ensaio do grupo na cidade da Coruña, o virtuoso gaiteiro residente na gran cidade chegaba a Xaviña para respirar esa atmósfera creativa que só un pode encontrar na pureza do lugar que che víu nacer. Foi, coa súa gaita en man, contemplando a súa querida Xaviña dende o alto da Cobadiña cando David empezaba a liberar esas primeiras notas musicais de Eu Son Camariñas que inundarían a fermosa paisaxe rural de Xaviña.